Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta presenta en Madrid dúas iniciativas para fomentar a igualdade e a loita contra a violencia machista nos centros educativos


A Secretaría xeral presentou as actuacións ‘Donas de Si’ e ‘Por 365 días de respecto e Igualdade’, nas que participa o seu departamento dentro do ‘Plan Proxecta’

A Secretaría xeral da Igualdade, vén de participar na Xornada Intercambia 2015: Unha mirada de xénero na convivencia escolar, que organizou o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte en Madrid.

Presentáronse dúas actuacións: ‘Donas de Si’ e ‘Por 365 días de respecto e Igualdade’, nas que a Secretaría xeral da Igualdade participa dentro do ‘Plan Proxecta’. Este Plan é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diversos organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros de ensino galegos.

Ambos programas están dirixidos a alumnado de ESO e bacharelato de centros educativos públicos de Galicia. En 2015, o programa ‘Por 365 días de respecto e Igualdade’ tamén incorporou centros de Formación Profesional e ensinanza da adultos.

‘Donas de Si’ ten como obxectivo a visibilización das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega. No actual curso, 2015-2016, están a participar máis de 1.500 alumnos e alumnas e 70 docentes.

O programa comezou hai dous cursos, no ano 2013, e utiliza a metodoloxía dunha unidade didáctica coa que alumnado pode debater e traballar sobre os valores de xénero. Ata o momento presentáronse unidades -con películas e actividades complementarias- dedicadas a Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e María Josefa Wonenburger.

Doutra banda, ‘Por 365 días de respecto e Igualdade’, ten como obxectivo proporcionar aos mozos e mozas, desde a escola, formación e ferramentas para a prevención da violencia de xénero dentro do ámbito educativo.

Este programa pretende fomentar a autoestima, a autonomía, o coñecemento da construción social das súas identidades sexuais e a asignación de roles entre a mocidade, todo elo para traballar na eliminación de estereotipos sexistas e de falsas crenzas.

Ao abeiro desta iniciativa desenvolvéronse obradoiros sobre “violencia de xénero e o novo contexto dixital”, cunha campaña para previr o sexting; charlas informativas sobre a violencia de xénero e as súas consecuencias; ou a participación no proxecto europeo “Xuventude contra a violencia de xénero”, entre outras actividades.